Novedades del sitio
Campaña de Nadal
Achegámonos ao final do trimestre. O tempo de Nadal, con todo o que iso supón, está chamando á porta. E como todo acontecemento importante require a súa preparación. Aquí estamos xa niso, e os vosos fillos e fillas sábeno ben, pois desde fai algúns días están preparando o festival de Nadal.
Tamén sabedes doutros anos que nesta época adoitamos facer a Campaña de Nadal. Queremos que sexa outro momento máis ao longo do ano para crecer na solidariedade. Sabemos que cambiar as inxustizas que dominan o noso mundo non é fácil, e que coa axuda material puntual tampouco o arranxamos. Pero queremos ir modelando a conciencia dos nosos alumnos para facer que sentan no seu interior a necesidade de compartir cos que teñen á súa beira, especialmente nestes tempos de dificultades económicas.
Por iso celebraremos estes próximos días, do 10 ao 16 de decembro, a Campaña de Nadal. Recolleremos alimentos básicos que se poidan conservar en bo estado (legumes, pasta, aceite, conservas,...), e posteriormente distribuirémolo entre a xente máis necesitada da nosa contorna en Santiago, a través dalgunhas institucións sociais coas que contactamos (cociña económica, Cáritas).